Josefina González Cudeiro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de outubro de 1918 Ourense, España |
Morte | 15 de outubro de 2012 (94 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | maquis |
Partido político | Partido Comunista de España |
Familia | |
Pai | Ramón González Calviño |
Josefina González Cudeiro, nada en Ourense o 6 de outubro de 1918 e finada na Coruña o 15 de outubro de 2012, foi unha guerrilleira antifascista galega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Filla de Ramón González Calviño e Vicenta Cudeiro, unha familia esquerdista, laica e republicana. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 dous dos seus irmáns, Ángel e Julio González Cudeiro, agocháronse na carboeira e o faiado da casa, no número 31 da rúa Raíña Victoria, para evitaren a fronte, xunto co fuxido Enrique Nanín Ansias. Delatados por unha veciña o 26 de marzo de 1937, foron detidos na madrugada do 27 o pai, os dous irmáns e Enrique.[1] Josefina foi encarcerada coa súa nai e os seus irmáns Julio e Ángel. Estivo presa coa nai en Bande até 1938. Ao saír actuou coas súas irmás Luisa e Maruja en tarefas de propaganda para o Partido Comunista de España. Marcada e vixiada, decidiu trasladarse a Madrid a mediados de 1944.
Encartada na causa 370/48, foi xulgada na Coruña o 18 de outubro con José Gómez Gayoso, Antonio Seoane Sánchez, José Bartrina Villanueva, Juan José Romero Ramos, Carmen Orozco Muñoz, José Rodríguez Santos, Juan Martínez Montero, María Blázquez del Pozo e Clementina Gallego Abeledo.[2] Foi condenada a trinta anos de prisión.[3] Pasou polos cárceres da Coruña, Segovia e finalmente Alcalá de Henares. Exiliouse en Venezuela.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graña Pérez, Beatriz (2003). Voces da memoria: galegas exiliadas, emigradas e resistentes durante o réxime franquista. Concello de Santiago e USC. ISBN 84-9750-267-1.
- Marco, Aurora (2011). Mulleres na guerrilla antifranquista galega. A Coruña: Laiovento. pp. 287–316. ISBN 978-84-8487-211-5.